miércoles, 30 de septiembre de 2020

Solpor





SOLPOR



Recoñezo este vento e esta terra
na promisión dun mar en procura da luz

Están  tamén os bosques da intemperie
igual cós nosos cando entraban no inverno

Pero estas son as albas desfelices
porque ti non acordas xunta min

Nas Fisterras divinas onda talvez transitas
contemplarás amor
esa aurora primeira esclarecida

Mentres aquí en Irlanda
algún solpor remoto
vai deixando nos ollos un exilio
de sombras desvalidas que nos cercan,
                                                     nos cercan

Pero pasan aves
e escriben unha páxina de amor
na alucinada carta da memoria


Luz Pozo Garza: As arpas de Iwerddon. (Ed. Linteo. 2005)

miércoles, 23 de septiembre de 2020

Mística do río





MÍSTICA DO RÍO

Non vivo sen amor: recordo e vivo
a morte non existe

Tantas veces andamos por espacios de lume
por abismos de luz
a ver pasar os ríos no dictado de Heráclito

Andamos tantas veces por paisaxes feridas
pasamos de memoria por lugares en sombra
por terras que albiscaron a miseria
onde andaban os nenos a apañar nos fieitos

Tantas veces pasamos en secreto
na posición lumínica que se furta ás miradas
no fulgor dunha vida que se excede
pois imos contra o centro

Imos contra corrente
contra o tempo e a  morte
se  seguimos o Lor por onde nace o día
e deixamos a flor

e agora  somos flor e río

Luz Pozo Garza: As arpas de Iwerddon. (Ed. Linteo. 2005)

martes, 15 de septiembre de 2020

Como as ondas




COMO AS ONDAS

Como as ondas do mar
compartimos dominios interiores
pois amamos a vida

Din que o tempo non conta
En praias virxinais descubrimos argazos
coas forzas invisibles que organizan a vida

E nós andamos mesmo coma cegos
Somos rumor de ventos recollidos
na lona desvelada dunha nave á deriva

Seremos coma a rocha
que coñece o misterio das aves que regresan

Seremos coma a area ferida en desamparo
pola pasada anónima
que acouga coma un cántico

como as ondas primeiras que van ó corazón
Cando salfiren
            firen
            pero logo eternizan

Hai algo en min que está fóra do tempo 

Luz Pozo Garza: As arpas de Iwerddon. (Ed. Linteo. 2005)

martes, 8 de septiembre de 2020

Incertezas

 


DESTERRO

Síntome desterrado  dentro de min,

mesmo na fronteira do non ser

onde a melancolía se fai mágoa

e a única seguridade é a incerteza.

Até min chega o mundo externo

como un rumor apenas  perceptíbel.

Onde  está a beleza e a maxia,

fonda e escura, da palabra?

                                               Onde

a paisaxe que un ama e recoñece?

Nada queda xa dos libros sacros.

Un comeza a cavilar sobresaltado

se a vella, amada tribu, non será

só fileira de sombras e fantasmas.

 

Manuel María: Oráculos para cavalinhos-do-demo (1986)