lunes, 3 de enero de 2022

Avec plaisir

 


 


A esa hora soía conectarse ou polo menos consultaba as notificacións que Twitter lle enviaba puntualmente. Tras o meu requerimento de se andaba por alí, respondeu co emoticono da cuartilla e o lapis. Non sempre me contestaba e eu supoñía que era debido a que estaba a cousas que requerían máis a súa atención. Noutras ocasións tardaba días en aparecer e sempre respondía con interese e afabilidade, coma se a falta de noticias non interferise para nada no noso intercambio de novas e opinións. Con el nunca se sabía. Ás veces parecía moi interesado na conversa e de pronto esvaecíase cunha despedida algo apresurada, como se tirasen por el forzas que eu nunca podería controlar ou nin sequera alcanzar a comprender. Nunca o facía de malos modos, nunca resultaba ofensivo, pero para a miña hiperdesenvolvida intuición era proba fidedigna de que marcaba distancias e non só iso, senón que quería resaltar que era o seu hábito e compracencia marcar esas distancias. Eu tampoco o tomaba a mal, ou polo menos convencíame de que non debía mostrar tomalo a mal. Cada persoa ten os seus ritmos e ninguén é culpable de que a algúns o hipoteticamente afectivo nos aprete o acelerador da vida coma se fose o sprint final dos douscentos metros.

Aquel día, cando mo dixo, eu podería contarvos que ía vestido cun batín de boxeador, o cabelo revolto, a expresión pícara (non, non coma Adam Driver en Annette, non con cinismo na voz, non coma a intervención ferinte dun cáustico cómico profesional); pero a imaxe que recreou a miña mente foi perturbadoramente burguesa, mais ao estilo burgués inquietante dun Buñuel millennial. Imaxinade un batín burgués sobre un corpo espido, os pés descalzos. Engadídelle un monóculo.

Tiña eu unha desas tardes de ánimo intraducible, oscilante entre a apatía, o aburrimento salpicado de pinceladas de soidade, presentindo os relampos de borrasca, é dicir, reflexións sobre que pinto eu aquí (aquí é no MUNDO), que función na vida, se todo vai ser traballar e total para que, se non serve de nada; se vivir vai ser camiñar por paraxes fermosas para despois mirar para o teito, varada no sofá coma unha balea agonizante, en fin... ESE ánimo.

Mirei a aplicación por puro hábito mecánico. Estaba. Resuminlle as nubes negras na cabeza. Díxome que non lle dera moitas voltas á chola. Acudín entón ao frigorífico e saquei o vaso de xeado de doce de leite. Mandeille unha foto. Vou pecar.

Foi entón cando él me escribiu: A pracer, querida, a pracer.

E no cerebro estouparon coma bombas de palenque o batín, o monóculo, a mirada revirada, a escena sensual, Catherine Deneuve, a calor, o querida...

Avec plaisir.

Uol Free






1 comentario:

  1. Ás veces, para caer na tentación necesitamos un pequeno apuxón...

    ResponderEliminar

Tu opinión me interesa. Es tuya.