domingo, 1 de diciembre de 2024

Silencio no val


SILENCIO NO VAL
Vexo desde a ventá unha ducia de chemineas a botar fume. Lembro o dito galego: casa fumegando, casa habitando. Certo que hai xente vivindo nesas casas, pero non se aprecia unha alma polas rúas, pola estrada. Que sucederá dentro desas casas nesta mañá de domingo invernal? Os velliños vendo a Santa Misa que retransmiten pola TV; a muller maior da casa preparando as viandas, que é domingo e sempre se pon na mesa algo máis elaborado, que pola semana non hai tempo, que hai que saír pitando no coche para ir traballar na cidade. O home, sabe Deus!, seguro que no único bar da aldea, xa botando un viño a 2 euros e pico, como encareceu a vida! Hai nenos? Se hai algún (en singular) estará co móbil ou coa tableta buscado palabras sucias, aínda que non lle fai falta, xa lle saltan os espantosos vídeos por non sei que cousa dos algorritmos. As casas, aínda que alberguen vidas, están en silencio, cada un no seu cuarto, ou todos xuntos pero sen falar, cadaquén coa vista posta nun aparello que solta unha luz azulada que nos deslumbra, que nos hipnotiza, que nos aparva e aílla.

Miro pola fiestra, a xanela, a ventá. Vexo chemineas fumegando, porque pese a que haxa calefacción de gasoil ou de pellets, aquí tense lareira ou cociña de ferro, a vella bilbaína, e préndese o lume no inverno, non se diga que non é casa habitada. Ninguén observa a fermosa paisaxe, árbores agochadas entre veos de néboa e brétema.

Eu miro pola fiestra e unha bágoa esvara pola fazula.

Gastarei algún día as bágoas?

Uol Free